Hoxe veremos algúns refráns curiosos que engaden a palabra leite, acompáñasnos?
O LEITE NA CULTURA POPULAR GALEGA
Na tradición oral deste país a vaca e, por extensión o leite, teñen unha grande pegada e importancia. Como xa vimos cando analizamos a figura da leiteira, a vaca constituía un piar fundamental da economía dunha familia. A futura venda de becerros e a muxida diaria era unha fonte de ingresos extraordinaria. Por isto mesmo, a vaca ten unha especial presenza na nosa oralidade, sendo, habitualmente, sinónimo de fartura ou de miseria (vacas fracas).
As crenzas asociadas co medo a perder o gando son moitas e teñen perfecta lóxica xa que a perda dun animal como a vaca, supuña un grave varapau para a economía familiar.
ALGÚNS REFRÁNS POPULARES SOBRE O LEITE:
- Vaca leiteira e muller casadeira non se mercan na feira
Vale, este refrán é un pouco (bastante) machista, si, mais exemplifica ben a importancia que tiña unha vaca que dera leite abondo. Certo que as connotacións comparativas entre a muller e a vaca, por non falar da obxectización da muller como ben de adquisición nunha feira, son bastante terribles, pero a sociedade era a que era e unha boa moza casadeira era un “ben” de tanto valor coma o animal que podía manter a unha familia.
- O que queira leite, que o muxa
Este refrán é un pouco máis obvio. Ven dicindo o mesmo que “o que algo quere, algo lle custa”.
- O que no leite se mama, na mortalla se derrama
O dito fai referencia a que o que aprendemos de pequenas e pequenos, queda durante toda a vida. Os hábitos que “mamamos” son aqueles que desenvolvemos despois. Se ben é algo determinista, si ten certa parte de razón.
- Un cuartillo de leite por outro de aceite
O aceite era un ben de enorme valor económico en Galicia. Caro e escaso, o dito fai referencia a que se intercambian dous líquidos igualmente importantes. Un intercambio xusto.
Xa vedes que o leite está moi presente no noso refraneiro, mais non só. En vindeiros artigos veremos como está presente en moitísimas expresións e frases feitas que empregamos de cotío.