Orixe do doce de leite
Aínda que pensemos (ou nos fagan crer) que o doce de leite é máis arxentino ca Maradona, o certo é que non ten denominación de orixe de ningún lugar. Isto é debido a que a súa orixe é confusa.
A versión máis aceptada é que se trata dun doce de orixe, nada máis e nada menos, indonesio. A conquista das Filipinas deulle a coñecer aos españois esta receita, que levaron consigo cando colonizaron o continente americano. Os primeiros rexistros do seu consumo danse no virreinato de Chile, alá polo ano 1700.
Receita de doce de leite
Esta é unha receita sinxela pero que dá algo de traballiño. Se ben é certo que cando teñades o resultado, pouco custoso vos vai parecer, xa veredes.
Ingredientes
Imos darvos as medidas para facer arredor dun kilo e medio de doce de leite. Semella moitísimo mais non é tanto volume xa que se concentra moito.
- 1,2 kg de azucre
- 4 litros de leite enteiro
- Vainilla natural (1 folla)
- 1 cullerada de bicarbonato
Cómo preparar doce de leite:
- En primeiro lugar, poremos a lume medio unha pota grande durante dous minutos. Cando o cú da pota estea quente, botaremos sobre 100 gr de azucre sen parar de removelo. Ten que caramelizar pero non queimarse.
- Cando o azucre teña a cor do caramelo botarémoslle con coidado o leite (do tempo) e o que quede do azucre. Tamén o bicarbonato e a vainilla sendo coidadosos e removendo cada pouco. Isto farémolo durante unha hora e media. Remover é fundamental para que non pegue.
- Unha vez que reduza a mistura, comezarán a saírlle unhas burbullas propias da densidade e o calor. Este é o momento de comprobar que, se collemos un chisco cunha culler e o pomos nun prato, non está líquida ao enfriar, se non que queda coma unha pasta moi pouco fluída.
- Se a nosa mistura xa ten a textura que comentamos e unha cor brillante e dourada, é o momento de apagar o lume e collermos un bol grande cheo de xeos. Enriba deste, poremos outro bol no que botaremos o doce de leite e agardaremos a que arrefríe.
- Cando estea a temperatura ambiente, taparemos o recipiente cunha tapa, no caso de que a teña, ou con papel film.
Despois dun bo repouso durante a noite, xa teredes o voso propio doce de leite listo para facer marabillosos doces e sentirvos auténticos gauchos por un día. Ou, se cadra, nativos filipinos…