Novas

Receita tradicional de arroz con leite

O arroz con leite é un postre extendido pola gastronomía de prácticamente todo o mundo. Non é unha receita de elaboración tan antiga en Galiza como poden ser as castañas con leite, pero ten moito arraigo na nosa gastronomía recente.

rice-with-milk-5425466_960_720

Na miña casa a tía Carmiña botáballe “tantiño” brandy Felipe II. Di ti que o monarca valía o mesmo para as gotas do café, para a Contesa que para os tan necesarios lingotazos entre pota e alacena que, sospeito, eran a chave do éxito das receitas.

 

A receita orixinal ou, cando menos o tipo de preparación, ven, por lóxica, dos grandes humidais do continente asiático, onde se comezou a traballar co arroz como base da alimentación de miles de persoas. Na viaxe comercial que viviu o arroz cara o continente europeo, asentou fortemente na actual Turquía, moi especialmente nas rexións que lindan co Mar Negro. 

Dise que foi aquí, na cidade costeira de Trebisonda, onde se preparou o primeiro arroz con leite parecido ao que hoxe tomamos. 

No caso da cidade turca (daquela posiblemente bizantina) o arroz con leite preparábano ben espeso e endulzábase con froitos pasos, especias e melaza en lugar de con azucre. O leite, ademáis, era de cabra, ao principio, e a mistura facíase en grandes olas de barro a lume case de brasas. 

rice-pudding-6594064_960_720

Pero, claro, que me importará a min, diría a miña tía Carmiña, quen fixo o primeiro arroz con leite. Que á tal Trebisonda non lle coñece a familia e que nunca dela escoitou falar. E válgame el cielo que teña que vir unha de fóra dicirlle que fixo ela un postre antes que súa nai.

Entón, por non discutir, aquí vai a que facía a miña tía, que aínda que non sexa a orixinal nin a da tal Trebisonda, é na que lapamos todos e nin tan mal. 

Receita de arroz con leite

Ingredientes:

- 200 gr de arroz

- 1 litro e medio de leite enteiro

- 200 gr de azucre

- 50 gr de margarina ou mantequilla

- Unha codia de limón

- 1 vaso de auga

- Brandy… ao gusto (tamén é prescindible, ollo)

cognac-3404_960_720

Como se fai:

  1. Bótase un tapón de brandy na pota ao lume ata que evapore o alcol e engadimos o arroz. Removémolo e botamos o vaso de auga. Deixámolo facer co lume baixo ata que absorva.
  2. Engadimos inmediatamente o leite, a graxa , o limón e o azucre. Dámoslle unha volta e, sen cambiar a intensidade do lume, deixámolo facer. 

 

Tende a estar unha hora e 20 minutos, pero depende de se vos gusta o gran máis duro ou o postre máis espesiño.

Xa vedes que non hai unha receita máis doada e máis boa. Iso si, se facedes uso do Felipe II durante a elaboración, lembrade poñer unha alarma, non vos vaia quedar o leite ao lume!