Novas

“O Tren” de ALE chega a Puro Deleite

O artista ALE, natural de Salcedo (A Pobra do Brollón), presenta a súa reinterpretación de O Tren, o clásico atemporal de Andrés Do Barro co que pasará a formar parte do recompilatorio Puro Deleite, o proxecto que reúne a bandas e artistas do panorama musical galego reformulando as músicas máis icónicas do país.

O TREN - Ale

Nesta homenaxe, ALE deixa un selo moi particular. Unha liña de baixo cun papel principal durante todo o tema, acompañada duns coros que xogan coa melodía principal e duns arranxos de guitarra elegantes, apórtalle a esta reinterpretación un carácter verdadeiramente orixinal. Tarefa nada sinxela ao tratarse dunha canción que forma parte do imaxinario colectivo.

Neste novo proxecto en solitario, o ex de bandas do panorama musical independente como Meu, Los Árboles, Espiño ou Pardo, incide no piano como instrumento principal integrado nun son Lo-Fi con sintetizadores e guitarras.

O Tren é a achega deste mes de marzo a Puro Deleite. Con Munheira de Chantada dos Verto, Por última vez dos Ataque Escampe e Xuntos de Familia Caamagno xa son catros os temas que coñecemos deste disco, que irá completándose cun novo tema de xeito mensual ata final de ano, cando se editará o disco completo.