Novas

Dende o rural á elite do voleibol

Con 2.800 habitantes, San Sadurniño é un concello da comarca de Ferrol vinculado ao sector primario e forestal.  Alí xoga o Club Deportivo Aldebarán, equipo que gañou o agarimo de todo o voleibol estatal tras o ascenso á primeira división na pasada tempada.

ALDEBARAN

 

O particular milagre deste club, xestado no colexio público da localidade, é posible grazas ao traballo dunha directiva entregada e ao apoio de toda a veciñanza que acude a animar o equipo semana tras semana.

No pavillón dese mesmo centro educativo seguen adestrando e disputando os seus partidos. Fundado por un profesor de educación física a comezos da década dos noventa, o clube foi medrando ata chegar á elite. “Os obxectivos son consolidarse na máxima categoría e que o pobo poida seguir desfrutando deste ocio que é o voleibol”, di Uxío García, presidente do Club Deportivo Aldebarán.

En Deleite non deixamos pasar a oportunidade de apoiar un club de canteira que dende o rural fai por reinventarse sen renunciar ás súas raíces. “Que unha marca como Deleite aposte por un proxecto como o de San Sadurniño, que intenta dinamizar o rural galego, é un orgullo para nós. Temos moito en común”, asegura Uxío.

Agardamos que o club poida acadar os seus obxectivos esta tempada e que o Concello de San Sadurniño poida seguir tendo voleibol de Superliga durante moitos anos... IMOS SANSA! #SeguimosFacendoHistoria 💙