A introducción da pataca
Aínda que está recollida a introducción da pataca no país (concretamente no municipio de Herbón) dende a segunda metade do século XVI, non será ata ben entrado o século XVIII que se faga relativamente extensivo o cultivo deste tubérculo en Galiza.
A propagación da pataca ten a súa orixe nas loitas do campesiñado contra os abusivos dezmos que tributaban.
No ano 1769-1770, Galiza vive unha grave crise agraria derivada dun moi mal ano na recollida de cereal. A falta de alimento sumanada á cruel gravame por parte do estamento eclesiástico conduce á búsqueda de novas formas de subsistencia. É entón cando comeza a implementarse o cultivo da pataca, xa que permitía cultivos en espazos pequenos e de carácter individual ou colectivizado que escapaban ás propiedades da Igrexa.
A chamada “castaña das Indias” está documentada como cultivo extensivo dende mediados do XVIII na Limia. Extenderase polo interior das provincias de Lugo e Ourense nas seguintes décadas, tardando algo máis en chegar á Galiza occidental.
Falamos, pois, de que non é ata o século XIX (hai dous días) que o tubérculo que a día de hoxe fai parte imprescindible da nosa alimentación, teña unha presenza vital na nosa sociedade.
Entón, que había antes da pataca?
Pois a castaña, claro.
Durante a Idade Media e, moi posiblemente antes, a castaña foi a principal fonte de carbohidratos para as e os habitantes do noroeste da Península Ibérica.
Tamén o País Vasco e Asturies fixeron un uso da castaña.
A castaña é un froito estacional pero con grandes posibilidades de conservación.
Facíase acopio delas e tomábanse asadas, crúas e, maceradas en leite. Esta última “versión” perviviu nos fogares galegos coma prato especial do outono.
Receita de castañas con leite:
Ingredientes:
500 gr de castañas
Un pouquiño de sal
1 litro de auga
2 culleradas de azucre ou 4 de mel
1 litro de leite enteiro
Canela ou cravo
Unha vez peladas as castañas, cocémolas cun chisquiño de sal.
Cando estean brandas (entre 40 e 50 minutos) pómolas a escorrer ata que sequen.
Cando estean secas, poremos o leite ao lume co mel ou o azucre e a canela ou o cravo. Bótanse á pota e dánselle dous fervores mentres se remove.
Sérvense co leite morno en cuncas.
Fonte da receita: www.lambonadasdegalicia.club