Novas

Ana Kiro e Ataque Escampe

Este mes de xaneiro, o grupo compostelán Ataque Escampe publicaba o sinxelo “Por última vez” para o recompilatorio de clásicos galegos “Puro Deleite”. Unha reinterpretación sen perder a esencia pop da canción coa que Ana Kiro participou no Festival de Benidorm no ano 1967 e que, curiosamente, cincuenta e cinco anos despois ten ao trío galego Tanxugueiras como representantes da música galega.

ANA KIRO E ATAQUE ESCAMPE

O tema orixinal, con música de Mario Sellés e letra de Vicente Beltrán, encádrase na primeira etapa da carreira de Ana Kiro, na que gravaba para o selo Belter en castelán. Este selo estaba asociado a cantantes yeyé como Karina ou Salomé. Nesta época, a cantante nada en Castañeda (Arzúa), experimentou con diferentes estilos musicais entre os que podemos atopar boleiros, rancheiras ou cancións con producións máis próximas ao pop mediterráneo (que poderían recordar a outras artistas do momento como Rita Pavone). Editouse nun single con “Siempre te amaré” como Cara B.

Un dos obxectivos principais da banda á hora de afrontar este proxecto foi manter o poderío co que a cantante melódica contaba. Foi gravada e mesturada por Carlos Quintá n’As Gonzalinhas en xuño de 2021 coa colaboración de Alberto Quintá. O encargado da produción artística foi o Hevi (Malandrómeda e Fluzo.) e a masterización correu a cargo de Carlos Hernández Nombela (produtor de bandas de gran recoñecemento como Los Planetas, Triángulo de Amor Bizarro, Los Enemigos ou Ariel Rot). 

O proxecto “Puro Deleite”, un recompilatorio no que máis dunha ducia de bandas e artistas do panorama musical galego reinterpretarán temas clásicos da música pop galega, dará a luz un novo tema de xeito mensual ata final de ano, cando se editará un disco.

 

Tamén podes escoitar “Por última vez” de Ataque Escampe en Spotify.