Os Ataque Escampe fixeron desfrutar aos asistentes da sala La Tricoterie. / Foto: @vazquez_varela
O EmigraSON foi unha sinfonía de eventos durante toda a fin de semana, que abarcan dende a poesía ata a divulgación, pasando pola música e a tradición. Destacada foi a actuación do venres das poetisas Lucía Aldao e María Lado, no Instituto Cervantes de Bruxelas; como tamén o foi a posterior foliada a cargo do grupo tradicional Alumea, composto por descendentes de galegos que emigraron a Bélxica nos anos 50.
O prato forte chegou o sábado. A sala La Tricoterie, unha antiga fábrica de mobles, quedou pequena, xa que as entradas se esgotaron aos vinte minutos de saír á venda. Compradores de máis de dez países (Holanda, Francia, Grecia, Dinamarca, Alemaña…) acudiron á festa galega no dinámico barrio bruselense de St. Gilles.
The Rapants foron os únicos repetidores da primeira edición, onde actuaron con Filloas, Berto, Fillas de Cassandra, Familia Caamagno. / Foto: @vazquez_varela
Entre os asistentes ao festival atopábanse Marcos e Julián, os gañadores do sorteo que organizou Deleite para vivir o EmigraSON en directo. Ambos os mozos nados na Estrada gozaron da fin de semana e mesmo admitían que “dificilmente esqueceremos estes días”.
Marcos e Julián viviron a experiencia do EmigraSON cos artistas, xornalistas e creadores de contido. / Foto: @vazquez_varela
Dende Deleite Galego queremos mandar os nosos parabéns á organización e desexamos que nos vindeiros anos poidamos seguir achegando a nosa colaboración para que un festival tan especial se poida seguir celebrando.
Deleitiña viviu un fin de semana intenso, pero tivo tempo de visitar o Parlamento Europeo. / Foto: @vazquez_varela