Novas

Un ano máis nos Premios Mestre Mateo

Written by Deleite Galego | Mar 24, 2024 7:25:00 PM

Onte déronse a coñecer as gañadoras dos Premios Mestre Mateo no transcurso dunha gala celebrada no Coliseum da Coruña e emitida en directo pola Televisión de Galicia. A serie ‘Rapa’ e as longametraxes ‘O corno’ e ‘Matria’ partían como favoritas, acaparando 42 candidaturas.

O filme de Jaione Camborda foi a obra máis premiada da noite ao facerse con sete galardóns: Mellor dirección de arte (Melania Freire), Mellor maquillaxe e perruquería (Bárbara Brouke, Lorena Clavo e Silvia Neira); Mellor son (Sérgio Silva e David Machado); Mellor vestiario (Uxía Vaello) e Mellor longametraxe. A directora alzouse cos premios a Mellor dirección e Mellor guión.
 

Pola súa banda, o equipo de ‘Matria’ recolleu os trofeos a Mellor dirección de fotografía (Lucía C. Pan) e dirección de producción (Nati Juncal) e fixo pleno nas categorías de interpretación nas que era finalista, con recoñecementos para María Vázquez como Mellor interpretación feminina protagonista; Susana Sampedro como Mellor interpretación feminina de reparto e Santi Prego como Mellor interpretación masculina de reparto. 


‘Rapa’, votada polas académicas e académicos como Mellor serie de TV, tamén gañou os premios a Mellor montaxe (Gaspar Broullón, Julia Juanatey, Lucía Iglesias) e Mellor música orixinal (Xavi Font). Dentro da ficción seriada, ‘A arte de ser (mal) pai’ da produtora Miraveo, obtivo o Mestre Mateo a Mellor serie web. 

Tamar Novas e Lucía Veiga subiron ao escenario da gala, por segundo ano consecutivo: o actor compostelán volveu recoller o premio a Mellor interpretación masculina protagonista, polo seu papel en ‘¡Salta!’ e a intérprete e humorista coruñesa foi recoñecida, nesta ocasión, como Mellor comunicadora, polo seu traballo en ‘Malicia Noticias’. Completan o listado de profesionais galardoados Alba Prol, Raúl García e Jairo Iglesias na categoría de Mellor Realización, polo seu traballo en ‘O Gran Camiño. Grandes Rutas a Pé do Mundo’.

Cómpre salientar a gran presencia de profesionais femininas no palmarés, con gañadoras en tódalas categorías exceptuando Mellor son e Mellor música orixinal.

‘Os espazos en branco’ impúxose na categoría de Mellor documental. Pola súa banda, ‘Cos pés na terra’ acadou o premio a Mellor programa. O videoclip de C. Tangana para o R.C Celta de Vigo ‘Oliveira dos cen anos’ venceu na súa categoría e ‘Chama a miña neta’ alzouse co trofeo a Mellor anuncio publicitario. 


A cerimonia de entrega de premios foi presentada por Lidia Veiga e Miguel Canalejo. Estiveron acompañados sobre o escenario por Fillas de Cassandra, encargadas de poñerlle música ao evento, coa colaboración de Mondra e os peliqueiros de Laza. A nostalxia tivo un gran protagonismo no espectáculo dirixido por Noemi Rodríguez, que comezou cun dos eslógans máis lembrados do Xabarín Club “Hai alguén aí? Si?, Non? Si?”.  Xosé Ramón Gayoso protagonizou un dos momentos máis emotivos da noite, ao entregarlle o Premio de Honra Fernando Rey a Eva Veiga. A gala dos Mestre Mateo reuniu así, 39 anos despois, a dous dos presentadores que formaron parte da primeira emisión da Televisión de Galicia o 25 de xullo de 1985. 

Tamén houbo lugar para a reivindicación no Coliseum coruñés: o presidente da Academia, Álvaro Pérez Becerra, estivo acompañado sobre o escenario polo resto de integrantes da xunta directiva no momento de dar un discurso no que reivindicou “o compromiso de sermos solidarias” e quixo darlle voz á situación da Academia Valenciana del Audiovisual que sofre desde hai varios meses “os efectos da intolerancia e a censura”. A presidenta da asociación, Teresa Cebrián, recalcou na súa intervención a importancia de que “o noso sector non se vexa obrigado a dar pasos atrás”.

Texto: Academia Galega do Audiovisual (premiosmestremateo.gal).
Fotos: AIGI BOGA.