O Gran Lebowski
A primeira vez que vin O Gran Lebowski, aínda vivía na casa dos meus pais. Collín a película na biblioteca da facultade para ver nas vacacións de Nadal. Ata hoxe, quixen poñerlle a ese episodio o título “que gran cinéfilo habitaba en min”, pero veño de caer na conta dunha compañeira de clase que falaba dos irmáns Coen coma se fosen Nirvana e, penso que máis que polo cine, debía ter filia pola interacción.
A película conta como Jeff Lebowski, “O Nota”, se ve inmerso nun surrealista secuestro a raíz dunha, aínda máis surrealista, confusión co antagonista: un millonario que tamén se chama Jeffrey Lebowski.
Pero, máis alá da trama, o filme tocaba varios temas que me produciron un enorme interese naquel momento vital do visionado:
- O nihilismo
Que marabilla descubrir que a abulia e a apatía eran unha corrente filosófica! Ben, non era exactamente iso mais, na miña adolescencia tardía, víñame ao pelo a xustificación das crises existenciais dos domingos con resaca.
- A vagancia
Por fin un protagonista representaba as miñas aspiracións máis primarias, a saber: vivir sen traballar, saír da casa en bata e un desprezo positivo sobre as normas básicas de interacción social. Si, “O Nota” era o heroe que naquel momento toda unha xeración estaba precisando. Carismático e profundo, con grandes valores éticos e maleante. Como non namorar da personaxe!
- O licor café
Xa foron tempos mais, na vida dun universitario medio galego, a espirituosa do país por excelencia cumpría un papel decisivo nas celebracións da falsa independencia da que gozabamos. Un exercicio de compromiso co país e coa tradición. Un xeito coma calquera outro de facer revolución proletaria.
Ruso Branco
Precisamente o licor café é un dos tres ingredientes do cóctel que acompaña a Jeff Lebowski durante todo o filme: o Ruso Branco. Xunto ao leite e o vodka, formaba unha sorte de pócema enormemente atractiva tanto por aspecto coma por naming.
A receita de Ruso Branco
Fundamental ter un old fashioned glass (vaso de whisky). No seu defecto vale un calquera, non nos poñamos repugnantes.
Xeo
60 ml de leite enteiro
30 ml de vodka
15 ml de licor café do país