Máis dunha ducia de artistas e bandas do panorama musical galego preparan cadansúa versión de temas clásicos da nosa música pop que serán recompiladas no proxecto discográfico Puro Deleite. Deleite, suma así unha nova iniciativa de apoio á lingua e cultura galega, colaborando na produción deste disco que será distribuílo en formato fisico.
Neste recompilatorio participarán artistas como Verto, Ataque Escampe, Familia Caamagno, Radio Océano ou La Casa de los ingleses, entre outros aínda por desvelar. Cada mes estrearase na rede un novo single con cada un dos temas que conformará o disco final, xuntando talentos emerxentes da música galega con artistas consolidados, e unha variedade de estilos que lles dará unha nova volta a temas míticos de lendas como Ana Kiro, Juan Pardo, Siniestro Total, Goma 2 ou Andrés Dobarro.
Tras a primeira incusión neste proxecto do grupo Verto o pasado mes de xullo coa súa actualización da Muiñeira de Chantada, este xaneiro son Ataque Escampe quen estrean un novo tema, Por última vez. Unha versión en galego da canción coa que Ana Kiro participou no Festival de Benidorm no ano 1967. A banda compostelá explica así por qué escolleu un tema desta artista:
«Ana Kiro é unha das iconas máis rotundas que temos no país a nivel musical, pero non sempre se lle recoñeceu o mérito, como pasa con moitas artistas populares. Nós quixemos reivindicala indo a unha parte da súa carreira que aquí é máis descoñecida: nos anos 60 e 70, Ana estaba aínda emigrada en Barcelona e gravaba para o selo Belter en castelán. Os seus discos desa época non nos emocionan polo pouso galego das letras e as músicas, senón simplemente polo estupenda que era como cantante, e se cadra un dos temas que mellor o amosan é “Por última vez”, que é unha canción de ruptura moi emotiva e na que Ana soa delicada e poderosa a un tempo. Nós tentamos manter ese espírito, pero adaptamos a letra ao galego con algún pequeno cambio e fixemos tamén algunhas alteracións no musical: hai un par de engadidos que cambian a estrutura, non temos o órgano da versión de Ana pero si que incorporamos sons novos nos sintetizadores e as guitarras, coros… e claro, unha voz completamente diferente. Se nos achegamos un pouco a ese carácter delicado e poderoso da orixinal xa podemos estar contentos.»
Reinterpretación do tema “Por última vez” de Ana Kiro (Belter, 1967) a mans de Ataque Escampe.
Música orixinal de Mario Sellés e letra de Vicente Beltrán, adaptada ao galego por Ataque Escampe. Produción artística do Hevi. Gravada e mesturada por Carlos Quintá n’As Gonzalinhas (Lalín) en xuño de 2021 coa colaboración de Alberto Quintá; masterizada por Carlos Hernández en El Castillo Alemán (Pedrezuela). Deseño gráfico de Ataque Escampe sobre unha foto de Bea López.
Con:
Julio Vilariño Cabezas: sintetizadores.
Cibrán Tenreiro: batería, pandeireta, carillón e crótalos.
Lois G. Carlín: baixo e coros.
Miguel Mosqueira: guitarra e coros.
Samuel Solleiro: guitarra.
Álex Charlón: voz.