Hoxe xoves 4 de xaneiro a banda coruñesa Radio Océano presenta na Sala Riquela de Santiago de Compostela o seu novo EP 'Un furioso silencio'. E en Deleite estaremos presentes!
Radio Oceáno é a día de hoxe unha das maiores bandas de culto da cultura pop galega. Con tan só un LP publicado na década dos oitenta ('Nin falta que fai', 1986), deixaron un selo inconfundible. Un son moi particular marcado polas guitarras xunto con letras irónicas e cheas de retranca (cun certo aire tenebrista nalgunha ocasión), foron as súas armas para mostrarse como un grupo intelectual e de vangarda nunha etapa marcada pola inxente cantidade de bandas procedentes de Vigo.
Cos mesmos intérpretes/executores orixinais de Como o vento, Narcisismo e Terra Chá (Johnny Rotring, Ross Mero, Pablo Iglesias, Dani Punta), un par de anos de rodaxe despois da saída do seu dobre LP Memorias do óxido (Subterfuge) e meses máis tarde da irrupción da súa versión de Miña Terra galega (para Puro Deleite, un proxecto de Deleite), Radio Océano presentan catro novos temas tan contundentes como incisivos.
En Un furioso silencio hai letras de Lois Pereiro, remorsos do Prestige, a queixa de Yeats dos que se ven obrigados a participar en guerras alleas ou a imposibilidade de zafar hoxe de quen fomos onte.
Deleite non quixo perder a oportunidade de apoiar un evento no que a banda coruñesa non estará soa. Xunto a eles poderemos ver a artistas da talla de Grande Amore, Leo I Arremecaghona, Ale González ou Antón Losada, entre outros.