Novas

Puro Deleite incorpora ‘O Lobo’ de Grampoder

Written by Deleite Galego | Mar 16, 2023 6:46:59 AM

A banda compostelá Grampoder (@somosgrampoder) reinterpreta O Lobo (1976) de Fuxan Os Ventos e convértese na nova entrega de Puro Deleite, o proxecto no que Deleite Galego reúne artistas e bandas do panorama musical galego co propósito de homenaxear os grandes mitos da nosa música. 

Fuxan Os Ventos (@fuxanosventos_folk) é un grupo de música que bebe do folclore como tendencia principal, que nace en Lugo no ano 1972. Un dos seus maiores méritos reside na capacidade de chegar non só á intelectualidade galega vinculada á canción protesta e aos cantautores, senón tamén á Galicia máis rural. En palabras do músico e compositor Xosé Lois Romero: “Fuxan Os Ventos non é só un grupo musical. É unha icona, algo que a xente ten no seu cerebro moi ancorado. Somos o que somos porque escoitamos as súas cancións”. 

Pola súa parte, Grampoder é unha banda de indie pop compostelá formada por Martiño Suárez á guitarra e Roi Fernández á batería. Nesta ocasión, escollen o clásico O Lobo. Unha canción que forma parte do primeiro álbum da banda lucense publicado no ano 1976. Nela unha guitarra acompaña durante toda a canción unha letra escura e chea de metáforas composta polo escritor Darío Xohán Cabana xunto con Antón Campelo

Esta versión é tamén un xeito de festexar e homenaxear o 50º aniversario de Fuxan Os Ventos. Un grupo fundamental para entender a historia da música en Galicia e que non podía faltar en Puro Deleite, o proxecto que culminará coa edición dun disco completo. Súmase así a unha lista que está formada pola Muinheira de Chantada de Verto, Por última vez dos Ataque Escampe, Xuntos da Familia Caamagno, O Tren de Ale, Miña Terra Galega de Radio Océano, Quen poidera namorala de Paloma e Anduriña de La Casa de los ingleses.