O vindeiro sábado 26 de outubro terá lugar no Teatro Principal de Santiago de Compostela a décima edición do LGx15, un proxecto que busca a difusión de ideas para o futuro da lingua. Un evento de faladoiros, exposicións de argumentos e experiencias, dun máximo de 15 minutos, que dunha forma visual e divertida poden influír nas actitudes e conciencia lingüística e no futuro do galego.
Desta volta participará no encontro o mestre e dinamizador cultural Bernardo Penabade, que falará sobre a necesidade de manter o galego coas persoas de fóra, e tamén estará a actriz, narradora e dramaturga Sole Felloza, cunha intervención titulada “Onde cabe unha lingua caben dúas”. O guía de montaña José Manuel Menéndez tratará a relación entre as linguas e o medio natural e as integrantes da produtora audiovisual Illa Bufarda falarán das súas experiencias e ideas de traballo en relación co idioma en "Fauna, flora e lingua". Por último, o xornalista musical Rodri Míguez tratará a cuestión "Onde está o teito da música en galego?" e mostrará propostas para fomentar o seu consumo e coñecemento.
A encargada de conducir a gala será a narradora e educadora María da Pontragha e haberá un espectáculo musical de hip hop a cargo de Nadie González.
Deleite Galego non quixo perder a oportunidade de estar presente nunha iniciativa tan importante e enriquecedora para o noso idioma.