Desta volta a escollida foi o clásico popular ‘O sacristán de Coimbra’. Unha canción coñecida por todos e versionada por artistas da talla de Susana Seivane, Pilocha ou Suso Vaamonde que non pode ser máis emblemática en relación á nosa cultura popular. E, sen dúbida algunha, un clásico en todas as nosas verbenas.
Esta banda indie pop de Vigo naceu no ano 2005 e en 2011 publicaban o LP Están Ustedes Unidos, no que se atopaban cancións que, a día de hoxe, xa son clásicos do indie nacional como ‘El tiempo futuro’ ou ‘Non quero perderte’. No ano 2016 (coa colaboración de Deleite) sacaron á luz Cantares, un disco de cancións galegas imprescindibles de artistas como Andrés do Barro ou Emilio Cao e de bandas como Fuxan Os Ventos.
Nestra reinterpretación mesturan un son clásico con guitarras actuais e minimalistas. Un estribillo cunha letra coñecida por todos convértese nun rock and roll bailable e contrasta á perfección coa estrofa. A banda respecta de xeito fidedigno e, como non podía ser doutra maneira, a melodía orixinal tan característica do tema.
Súmase así a unha lista conformada pola Muinheira de Chantada de Verto, Por última vez dos Ataque Escampe, Xuntos da Familia Caamagno, O Tren de Ale, Miña Terra Galega de Radio Océano, Quen poidera namorala de Paloma e Anduriña de La Casa de los ingleses e O Lobo de Grampoder. Puro Deleite, culminará coa edición dun disco completo.
Podes escoitar o tema na seguinte ligazón de Youtube ou en todas as plataformas da banda: