Novas

O noso rural toca o ceo do voleibol estatal

Written by Deleite Galego | May 1, 2024 7:05:21 PM


Con 2.800 habitantes, San Sadurniño é un concello da comarca de Ferrol vinculado ao sector primario e forestal. Alí xoga o Club Deportivo Aldebarán, equipo benquerido por todo o voleibol estatal, que acaba de conseguir o ascenso á primeira división o pasado sábado.

Seis clubs poxaban polo ascenso á máxima categoría nunha fase de ascenso que se disputou no pavillón municipal de San Sadurniño, o que finalmente foi un factor decisivo para os de Ferrolterra, que nos seus partidos contaron cun gran apoio. O 80% dos xogadores son galegos, como tamén o é o seu adestrador, o ourensán Pablo Gómez que esta campaña fixo un gran traballo co equipo. Foi o triunfo da ilusión, dun equipo humilde que xogou sen complexos e sen presión, xa que a directiva nunca esixiu o ascenso.

O particular milagre deste club, xestado no colexio público da localidade, é posible grazas ao traballo dunha directiva entregada e ao apoio de toda a veciñanza que acode a animar o equipo semana tras semana.

No pavillón dese mesmo centro educativo seguen adestrando e disputando os seus partidos. Fundado por un profesor de educación física a comezos da década dos noventa, o club foi medrando ata chegar á elite. “Os obxectivos son consolidarse na máxima categoría e que a vila poida seguir desfrutando deste ocio que é o voleibol”, di Uxío García, presidente do Club Deportivo Aldebarán.

En Deleite non deixamos pasar a oportunidade de apoiar un club de canteira que dende o rural fai por reinventarse sen renunciar ás súas raíces. “Que unha marca como Deleite aposte por un proxecto como o de San Sadurniño, que intenta dinamizar o rural galego, é un orgullo para nós. Temos moito en común”, asegura Uxío.

Agardamos que o club poida conseguir a permanencia a tempada que vén e que o Concello de San Sadurniño teña un equipo na Superliga durante moitos anos... VAMOS SANSA! #SeguimosFacendoHistoria 💙