Novas

O entroido en Galicia

O entroido é unha das festividades galegas con máis arraigo e tradición. Ten sobrevivido ao longo de séculos mantendo os elementos identitarios e o carácter satírico cos que naceu.

O entroido en Galicia

A orixe do entroido

A orixe do entroido ten lugar nas festas de transición no agro, íntimamente relacionadas co cambio de estación do inverno á primavera.

O entroido, antroido ou entruido, ten a súa orixe etimolóxica na palabra latina introitus, que fai referencia ao rexurdimento da vexetación e ao inicio da primavera. Nada ten que ver coa orixe da palabra carnaval (que non ten documentación en Galicia). Carnaval é tamén de orixe latina e fai referencia ao principio da Coresma. Carnaval é unha deturpación de dúas palabras do latín vulgar: “carne” e “levare” que significan, literalmente, levar a carne, un precepto da tradición xudeo cristiá durante a Coresma previa a Pentecostés.

O uso da forma entroido en lugar da forma carnaval indícanos que as celebracións en Galicia teñen unha significación anterior á das celebracións cristiás, máis vinculada ás colleitas e á forma de vida rural.

 

As manifestacións do Entroido en Galicia

O noso país ten un patrimonio riquísimo en canto a tradicións entroideiras. Dende máscaras a liturxias, nas distintas zonas de Galicia perviven figuras ancestráis fortemente arraigadas na sociedade.

A supervivencia do entroido en Galicia non foi tarefa sinxela. A Igrexa consideraba estas tradicións como festas pagás e sempre procurou demonizar as expresións do entroido facendo asociacións cos pecados carnais e o grotesco. Nesta mesma liña, o Franquismo foi unha das etapas máis difíciles para o entroido xa que se prohibiu oficialmente a súa celebración polos mesmos motivos “morais”. 

b7633d41b4890f7068451eefefcd3fcaFonte da imaxe: https://www.pinterest.es/pin/84090718028814840/

Ante a prohibición explícita do entroido, déronse dúas respostas no noso país que explican perfectamente por que, a día de hoxe, as celebracións son distintas nunhas zonas que noutras:

Por unha banda, nas cidades, moito máis militarizadas e con poboación foránea, a celebración do entroido reduciuse a bailes de salón para unha pequena elite que convertiu a festividade autóctona nunha pantomima versallesca de Casino e chinchón.

É o caso de Vigo, por exemplo, que intenta recuperar a figura tradicional do merdeiro despois da súa práctica desaparición. 

Pola contra, nas zonas máis ruráis, máis illadas e con menos presenza do estamento militar moderno, as festividades do entroido continuaron a celebrarse. Entendemos que o razonamento do franquismo foi que loitar contra unha poboación moito máis esparexida e con capacidade de organización resultaba moito máis complexo que reducir as celebracións a folclore e asocialas á vulgaridade. Entendemos isto así porque, en realidade, foi o modus operandi con todo aquilo que lles foi complexo manexar coma a lingua e as tradicións propias do país.

155014cd0bbc90e1f5e6f681056d88f3Fonte da imaxe: https://www.pinterest.es/pin/500110733594165582/

A gastronomía do entroido 

O entroido ten un certo compoñente orxiástico. Se a iso lle sumamos a querencia deste país por celebralo todo con bo comer e mellor beber, a combinación é explosiva!

As datas do entroido son un mostrario marabilloso da nosa gastronomía tradicional. Un escaparate de abundancia e fartura, moi propio dos momentos de ocio do noso país.

Cae nunha época do ano no que xa se poden catar moitas das elaboracións da matanza. Aínda vai frío e os cocidos e os caldos convértense no plato principal das mesas do entroido. Grelos, repolo e patacas, en plena época de esplendor, completan o menú.

Postres coma a bica de chicharróns, as filloas e as orellas, son os postres máis famosos destas datas xunto coas raíñas da festa: as flores de entroido.