Pero os maiores tamén terán o seu espazo durante todos os días que dura o festival. O espectáculo de comedia 'Corentena' de Xosé A. Toruiñán e David Perdomo ou os concertos de artistas da talla de Xabier Díaz, Susana Seivane, Belém Tajes, Familia Caamagno, Lamatumbá, Combo Viramundo ou Muchachito serán algúns dos pratos fortes. Unha festa que todos os días culminará coa selección musical de DJ Russ e o sábado de DJ Mínimo.
Entre todas as iniciativas destacan dúas estreas. O mércores 23 de agosto todos os asistentes poderán ver en primicia 'Nena', a curtametraxe que supón o debut como director e guionista de Xosé Antonio Touriñán. Ademais, na proxección estará presente todo o reparto entre o que atopamos a Carlos Blanco, David Perdomo ou Antía Touriñán. E por outra banda, o venres os espectadores terán a oportunidade de ver un avance de 'Bechos', a nova serie de animación da Televisión de Galicia.
O sábado é o denominado pola propia organización como “o día grande”. Dará comezo co xantar e coa andaina típica (coa presenza dos gaiteiros, da charanga e do músico Abraham Cupeiro). Coa noite chegará un dos momentos máis especiais da semana. Os xa famosos monólogos do Castelo Conta. Este ano coas actuación de Pepo Suevos, David Amor, Lucía Veiga, Marita Martínez, David Perdomo, Noemí Rodríguez, Rober Bodegas ou o propio Touriñán. O día rematará coa actuación do grupo musical Salamandra.
O domingo o Castelo Conta pechará unha edición máis coa alborada, as misas e unha sesión vermú con xantar a cargo do cuarteto de música latina Son Boleros e de DJ Russ. Deleite non quixo perder a oportunidade de apoiar un ano máis a esta iniciativa adicada a maiores e a cativos na que a maior das pretensións é pasalo ben nun contexto no que a nosa cultura é a gran protagonista. Longa vida ao Castelo Conta!