No Festival Revenidas un ano máis
Dos días 12 a 15 de setembro o Festival Revenidas celebra a súa vixésima edición e, un ano máis, contará co apoio de Deleite.
A localidade pontevedresa de Vilaxoán acollerá unha edición cunha aliñación estelar que promete manter viva a súa esencia distintiva. Ao igual que nos anteriores anos, a proposta musical manterá a súa idea de mesturar figuras da escena musical galega, estatal e internacional. Ademais, como en pasadas ocasións, o festival vertebrarase ao redor dunha gran Sardiñada Popular. Tamén contará cunha Gran Gala de Circo, coa gastronomía con produtos da zona, coa Feira Revenida, con concertos nunha embarcación tradicional e con moitas outras sorpresas.
O xoves 12 de setembro o festival abrirá as súas portas e comezará a festa con Lendakaris Muertos, Muchachito Bombo Infierno, Dakidarría e The Tyets como pratos principais.
Ao día seguinte, chegará o momento para bandas e artistas da talla de La Pegatina, Narco, Miss Bolivia e para dúas das novas sensacións do panorama musical galego como son Fillas de Cassandra e Lontreira, entre outros.
O sábado 14 será o día no que máis música se poida escoitar en Vilaxoán coa presenza de artistas como as Tanxugueiras, Dubioza Kolektiv, Talco, The Rapants ou Guadi Galego.
O público poderá cantar e bailar ao ritmo da sempre divertida Duendeneta, así como dunha serie de DJs que amenizarán as pausas entre concertos. Por último, o domingo 15 de setembro terá lugar o broche final desta gran festa coa xa famosa Sardiñada Popular e concertos dedicados aos máis cativos, como o de Uxía Lambona e A Banda Molona.
Deleite non quixo perder a oportunidade de apoiar unha ocasión máis a un festival que xa se converteu en todo un referente da nosa música. Longa vida ao Revenidas!