O vindeiro 28 de xullo terá lugar no Monte do Gozo en Santiago de Compostela a segunda edición do Revenidas Miúdo, a reunión das estrelas da música infantil e as artes escénicas galegas.
O Revenidas Miúdo naceu o ano pasado co espírito dunha romaría diúrna, de carácter familiar e completamente de balde nun espazo que conta con zonas de restauración, así como piscinas públicas. En definitiva, un lugar ideal para que maiores e cativos gocen dun día diferente e cheo de actividades relacionadas coa nosa cultura.
O festival contará coa presenza de Uxía Lambona e A Banda Molona; A Gramola Gominola, co seu espectáculo As que máis molan da Gramola; o Concerto PunkInfantil, de Brais das Hortas e Perter Punk; e Pakolas e Laura Romero, que presentarán Cores, Contos e Rock coa Ramona Pequena. Tamén teremos a Xabier Díaz e Guille Fernández, interpretando Arrolos de Leite, o disco que editamos en Deleite pensando nos máis cativos. Os pequenos poderán desfrutar de actividades variadas entre as que haberá unha zona de xogos populares, espazos lúdicos e unha chea de sorpresas.
Ademais, este ano, como novidade, incluirase un mercado creativo no que calquera, xa sexa unha persoa ou un colectivo, poderá participar. As persoas interesadas en formar parte poden enviar unha mensaxe ao correo mercadomiudo@revenidas.com.
Dende Deleite quixemos formar parte un ano máis dunha iniciativa que xa na súa anterior edición congregou a máis de 3.000 persoas. Agardámosvos a todas e todos!