Novas

Juan Pardo e Familia Caamagno

O grupo Familia Caamagno lanza o seu novo sinxelo Xuntos. Unha versión do tema de Juan Pardo que formará parte do recompilatorio Puro Deleite e do que será o seu cuarto álbum de estudio. A canción orixinal pertence ao LP Mírame de frente  (1987), xunto a outros clásicos como No me hables ou Anduriña.

JUAN PARDO E FAMILIA CAAMAGNO

Dicía o compositor e cantante criado en Ferrol, nun concerto emitido no programa Galicia para o mundo (TVG) no ano 1988, que escribiu esta canción para expresar que todas as metas e obxectivos da vida teñen outro sentido se os conseguimos facer coa compañía doutras persoas ao noso lado. 

Esta reinterpretación dos de Sigüeiro vén cargada de riffs de guitarra divertidos e dunha percusión constante. Isto, acompañado dunha melodía que respecta de xeito fidedigno a orixinal e duns retrousos destacados, dota ao tema dun carácter indubidablemente coreable. 

A gravación, produción e masterización correron a cargo de Carlos Hernández Nombela nos estudios El Castillo Alemán. O produtor de grupos como Los Enemigos, Airbag, Triángulo de Amor Bizarro ou Deluxe deixa unha vez máis un selo inconfundible neste recompilatorio que reúne a artistas e bandas do panorama musical galego.

O videoclip, cheo de humor e retranca, foi obra de Xaime Miranda (encargado xa de proxectos anteriores do conxunto). Protagonizado polos propios membros da banda parece manter o espírito co que foi creado este clásico.

Con a Munheira de Chantada dos Verto e Por última vez dos Ataque Escampe xa son tres os temas que coñecemos do recompilatorio Puro Deleite, que irá completándose cun novo tema de xeito mensual ata final de ano, cando se editará o disco completo.