Do días 10 a 15 de decembro da pasada semana tivo lugar en Pontevedra a novena edición do festival Novos Cinemas-Festival Internacional de Cinema. Un proxecto que ten como principal obxectivo detectar e difundir o talento dos cineastas emerxentes, poñendo especial énfase no cine de carácter autoral.
O festival conta con seccións competitivas, de ámbito internacional, coa finalidade de dar visibilidade a producións de factura máis fráxil, íntima e emerxente. Novos Cinemas acolle un total de 39 pezas audiovisuais, das cales nove son estreas mundiais, dúas internacionais, dez en España e doce en Galicia.
A sección Oficial contou con nove longametraxes, a sección Latexos acolleu catro filmes e a nova Ceres presentou outras catro propostas. Dentro do programa atopamos unha retrospectiva do creador bretón Maxim Martinot consistente na proxección dos seus 7 filmes e o cineasta ferrolán Alberto Gracia proxectou a súa terceira longametraxe “La Parra”.
O festival é a culminación dunha programación anual específica; xa que o proxecto tenta abarcar a totalidade do espectro: exhibición, difusión, formación e divulgación, pero tamén interación social, promoción cultural e socioeconómica da cidade de Pontevedra. Achegar o cinema aos máis cativos é outro dos obxectivos deste evento.
Dende Deleite non quixemos perder a oportunidade de apoiar unha iniciativa tan interesante e tan enriquecedora para a nosa cultura.