Novas

En marcha o Castelo Conta 2024

Xosé Antonio Touriñán presenta o Castelo Conta

Un ano máis, Castelo volverá ser a capital da cultura no rural durante o verán. Do 19 ao 25 de agosto, a parroquia cullerdense acollerá a novena edición do Castelo Conta, cuxa nova imaxe e programación avanzou Xosé A. Touriñán, director do festival. E como non podería ser doutro xeito, Deleite Galego volverá estar presente.

Xosé A. Touriñán agradeceu as institucións e empresas que ano tras ano apoian un festival que vai contar “con máid de 50 actividades e 70 artistas durante 7 días de festa”, unha festa que non sería posible tampouco sen o apoio do público e a veciñanza.

Por Castelo pasarán cómicos e cómicas do panorama galego como Carlos Blanco, David Perdomo, Lucía Veiga, Oswaldo Digón, Isabel Risco, Pepo Suevos, Federico Pérez, Gari Garrido e Patri Castrillón. A música virá da man de artistas e grupos como Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, Sés, Dios ke te Crew, Boyanka Kostova, Lamatumbá, Maricarme, Tiruleque ou Peter Sélek.

Castelo Conta 2024 Deleite Galego

O festival tamén acollerá espectáculos de humor como Castelo Arre ou Show, un espectáculo inédito no que participarán Tamar Novas, David Amor, David Perdomo, Isabel Garrido, Patri Castrillón, Manuel Cortés e Xosé A. Touriñán.

Os Contos de Castelo, encontros nos que os veciños e veciñas máis maiores comparten as súas historias e recordos estarán conducidos por Federico Pérez e Miguel de Lira, Xaime Fandiño, Xosé Ramón Gayoso, María Meizoso e Marta Otero Mayán. Pola súa banda, os máis pequenos e pequenas terán o seu propio espazo cada mañá coas actividades da Xente Miúda do Castelo Conta, con música e teatro para o público infantil.

A programación completa está dispoñible na páxina web do festival casteloconta.gal e a entrada para a maioría das actividades é de libre acceso.

Castelo Conta 2024 Deleite Galego Xosé A. Touriñán
Agardamos que o Castelo Conta volva ser un éxito e poidamos seguir acompañando ao equipo que o fai posible durante moitas edicións. Achegar a cultura ao rural é algo no que en Deleite Galego tentamos traballar a diario.

Fotos: AIGI BOGA.