Novas

Deleitándonos co audiovisual galego

Written by A | Mar 24, 2022 3:37:10 PM

O pasado sábado 19 de marzo tivo lugar a vixésima edición dos Premios Mestre Mateo. O audiovisual galego vestiuse de gala para a súa gran noite nun evento celebrado en Expocoruña e que, un ano máis, contou co apoio de Deleite

A gran triunfadora da noite foi a serie “Hierro”, que obtivo seis galardóns dos oito aos que estaba nominada e o seu director, Jorge Coira, reivindicou o papel que moitos profesionais do noso audiovisual poden ocupar en proxectos de grandes dimensións.

Tamén destacou o filme “Jacinto”, ao conquistar catro premios dos once aos que estaba nominado. O momento emotivo da cerimonia foi o do galardón a mellor actor protagonista para Pedro Brandariz, falecido hai menos dun mes. O cómico foi recordado en varias ocasións polos seus compañeiros que lamentaron a inesperada perda.

O premio á mellor longametraxe  foi para o filme “Tres”, dirixido por Juanjo Giménez, que tamén gañou a figura de mellor actriz protagonista para Marta Nieto.

Por outra banda, o programa “DígochoEu” da CRTVG fíxose co premio a mellor programa de televisión e co de mellor comunicadora para Esther Estévez. Esta iniciativa xa recibira o “Premio Deleite á promoción da lingua” no encontro dos finalistas que tivo lugar o pasado 4 de marzo.

A cineasta, investigadora, poeta e periodista Margarita Ledo foi galardoada co Premio de Honra Fernando Rey pola seu comprometido traballo durante toda a súa carreira coa creación, co feminismo e coa lingua.