Deleite participa no 'Aquí tamén se fala galego'
Nunha nova aposta pola cultura galega, Deleite Galego patrocina o festival organizado pola iniciativa 'Aquí tamén se Fala', que terá lugar o vindeiro 7 de xuño na Praza da Tolerancia da Coruña.
'Aquí tamén se fala' é a maior campaña de dinamización da lingua galega da historia exercida activamente pola mocidade. Un proxecto que nace da man dos profesores Arcadio González Novoa (Coordinador do Equipo de Dinamización da Lingua Galega) e Alberto Pombo (Xefe do Departamento de Lingua Galega) do IES Rafael Dieste da Coruña como iniciativa cultural abranxente, de masas, de base e baixo un programa que procura viralidade e incidencia social.
Un modelo pedagóxico en prol da lingua que se crea dentro dos muros dun centro educativo mais coa vocación de derrubalos. Un proxecto alicerzado na forza colectiva, voluntaria e ilusionada, e que procura estándares de comunicación profesionais, baseado na previa experiencia laboral nos medios dos seus promotores. Nun dos centros de ensino que mostran maior diversidade de toda Galicia, con porcentaxes de case 35% de alumnado procedente doutros países, que deixan nos seus corredores a riqueza das súas culturas representadas en máis de trinta linguas como o tehuelche, o galés, o amazight, o wolof, o vietnamita, o igbo, o xaponés, o garífuna, o romanche, o edo, o inglés, o xeorxiano ou o fula, entre tantas outras. Neste contexto sinalado, o galego preséntase como unha oportunidade para a integración, pero tórnase preciso dotalo de espazos de prestixio entre a mocidade. Xorde a necesidade e establécese, en consecuencia, o roteiro e o seu plano de acción.
Un traballo que se desenvolve en paralelo aos compromisos laborais dos seus promotores e que nace coa vocación de ficar, manter liñas de traballo e programar novas para os próximos anos. Un equipo de dinamización enriquecido con mocidade que continuará ligada ao instituto nos próximos anos e que descubre entornos profesionais e a posibilidade da transformación dende a forza social. Un modelo de integración que continúa o traballo doutros proxectos previos desenvolvidos ao longo de todo o país para crear máis espazos de prestixio para a lingua galega nas franxas etarias máis novas. 'Aquí tamén se fala' é, en suma: vontade, forza e ilusión.
Desta volta, a iniciativa quixo levar a cabo un festival que terá lugar o vindeiro 7 de xuño dende as 17h na Praza da Tolerancia de A Coruña. Nel participarán artistas da talla de Grande Amore, Boyanka Kostova, Leria ou Lontreira.
De xeito previo, a modo de celebración e de anuncio, o vindeiro mércores 22 ás 19:30h celebrarase na Escola Náutica da Coruña un concerto da cantautora compostelá Antía Muíño. Dende Deleite non quixemos perder a oportunidade de apoiar unha vez máis a nosa cultura e animámosvos a todos/as a colaborar cunha iniciativa tan bonita e enriquecedora como o 'Aquí tamén se fala'.