Galicia sempre foi terra de emigrantes, mais a galeguidade non se entende ben coas fronteiras. Como resultado, xorde o EmigraSON: o primeiro festival galego feito por e para a mocidade emigrante en Bruxelas. A iniciativa, organizada polas galegas afincadas na cidade belga, busca levar a música, cultura, tradición e vangarda á capital europea.
Na súa primeira edición, Galicia reivindicouse a 1.300 quilómetros da casa, enchendo o corazón da Unión Europea de música galega. Familia Caamagno, The Rapants, Fillas de Cassandra, Berto e Filloas foron os encargados de facer vibrar a comunidade emigrante en Bruxelas.
Rock, garage, percusión, indie, pop urbano. Mais tamén folclore, xa que o festival contou cunha xornada dedicada á música tradicional galega e unha sesión de música e oralidade.
Detrás deste proxecto están rapaces que por traballo marcharon de Galicia, pero que pola súa paixón pola música galega se uniron para proxectar o EmigraSON. Buscan achegar Galicia a súa cidade e crear un lugar de encontro para a mocidade galega no estranxeiro, unha iniciativa que xurdiu de forma autoxestionada e sen ánimo de lucro.
Para a súa segunda edición, que terá lugar os días 8 e 9 de marzo, o EmigraSON conta co apoio de Deleite. Grande Amore, The Rapants, Ataque Escampe, Lontreira e Catuxa Salom compoñen o cartel do 2024.