Este domingo, o auditorio do Culturgal foi o escenario da presentación de Bibopalula, a primeira serie musical de animación en galego, á que asistiron preto de 300 persoas. O evento xerou gran expectación, especialmente por coñecer a opinión dun público tan esixente como o das nenas e nenos menores de 6 anos, cuxas reaccións foron moi positivas.
A presentación correu a cargo de Xosé A. Touriñán, quen ademais de ser produtor executivo, presta a súa voz a Pombo Mensaxeiro, un dos personaxes principais da serie. Touriñán expresou a súa satisfacción por facer realidade un proxecto tan necesario, especialmente nun momento no que os máis pequenos necesitan contidos de calidade na nosa lingua.
Por outra banda, María Sabucedo Santos, directora de AGalega.gal e Xabarin.gal, aproveitou a ocasión para animar a todo o mundo a descargar as aplicacións do Xabarín, onde se pode acceder a contidos en galego adaptados a diferentes idades.
Ao longo desta 17ª edición do Culturgal, Bibopalula contou cun stand para achegarse ás familias, presentando os seus personaxes e cancións. Ademais, nos vindeiros días lanzarán un canal de YouTube coas cancións da serie, convidando a todos a cantar e bailar ao son da Banda do Bosque. Desde o pasado venres 27, os episodios están dispoñibles en Xabarin.gal e nas aplicacións do Xabarín para dispositivos iOS, Android e televisores intelixentes.
A nosa querida mascota, Deleitiña, tamén quixo estar presente no evento, mostrando o apoio de Deleite Galego a este proxecto tan agardado do audiovisual galego.