Chega a Vigo a primeira edición do Hematofesti
Do 6 ao 10 de novembro terá lugar en Vigo a primeira edición do Hematofesti. Deleite estará presente neste recoñecemento a unha figura fundamental da nosa cultura nos últimos tempos.
O Hematofesti é un proxecto que nace para homenaxear a figura de Miguel Ángel López González, máis coñecido como o Hematocrítico. O Hematocrítico converteuse nunha figura central en redes sen ningunha pretensión, alén de facer rir. Así gañou unha comunidade de miles de persoas que o seguían ata converterlo nun xerador de opinión. De xeito case paralelo a isto, abriu un blog en formato Tumblr no que comentaba obras de arte dun xeito divertido. Este proxecto acabou por saltar o papel nunha triloxía publicada por Caramba.
Esta iniciativa ten como principal obxectivo render un cálido e merecido tributo ao seu imprescindible legado como escritor, mestre, tuiteiro, comunicador e autor de blogs humorísticos, resaltando a importancia do seu traballo no ámbito da literatura infantil e do entretemento.
O festival terá lugar en diferentes localizacións ao longo de toda a cidade, entre as que atopamos: o Auditorio Municipal, o museo MARCO, o espazo didáctico anexo a MARCO, a sede da Deputación de Pontevedra, o Teatro Salesianos, o Auditorio Mar de Vigo, a libraría Espazo Lector NOBEL Calvario, a libraría Cartabón, a libraría Libros para Soñar, a libraría Librouro, a Galería Maraca, Évame-Oroza e o Ocean Rock Bar.
Unha das citas máis esperadas será a do Auditorio Mar de Vigo, onde terá lugar a gala homenaxe. O evento correrá a cargo do director de cine Nacho Vigalondo e da poeta Lucía Aldao. Contará coa intervención de Amaral, Noel Ceballos, Carolina Iglesias, Laura Márquez, Joe Crepúsculo, PAVA e do podcast La Ruina.
As entradas do evento que reunirá en Vigo a outras figuras da talla de Berto Romero, Manuel Bartual, Paco Roca ou Ledicia Costas poden adquirirse na web de TeuTicket (www.teuticket.com). A #XenteDeleite que queira asistir tamén pode participar no sorteo das dez entradas dobres que activamos nas nosas redes. Dende Deleite non quixemos perder a oportunidade de apoiar unha iniciativa tan bonita e enriquecedora coma esta.