Ons: a primeira película de Netflix en galego
A plataforma de entretemento Netflix ven de estrear para todas e todos os seus subscritores o filme Ons do director compostelán Alfonso Zarauza.
O feito sen precedentes é que a súa estrea faise en versión orixinal (V.O.), un fito e unha vitoria para o audiovisual e a cultura galegos.
Lamentablemente, como dicimos, non hai casos anteriores de películas ou series galegas, nesta ou noutras plataformas semellantes, ás que se puidera acceder na lingua na que foron rodadas se o idioma da rodaxe era o noso. O caso máis recente é o da película Cuñados, de Toño López, que foi filmada en galego máis só existe en castelán para a súa adquisición e visualización online.
Dentro do tráxico feito de que sexa a primeira vez (ano 2021) que podemos acceder a contido audiovisual galego en galego dentro da oferta dixital, é tamén un feito esperanzador e motivo de celebración. Un pasiño máis no camiño cara a normalización lingüística de Galiza.
A efervescencia do audiovisual galego
Son moitas as grandes producións con selo galego que, nos últimos anos, se estrean con grande acollida de público e crítica.
Actores e actrices como Luis Tosar, Tamar Novas ou Mariana Carballal entre outras moitas, levan toda a súa carreira posicionando o talento e o traballo das e dos profesionais patrios. Mais na historia recente do noso audiovisual, quizáis poderiamos marcar un antes e un despois trala exitosísima estrea de serie Fariña.
A marabillosa labor de marketing que lle fixo o secuestro do libro no que está baseada (Fariña, de Nacho carretero), sumado a un reparto excelente e un equipo igualmente bo, fixeron desta serie sobre o narcotráfico en Galiza, todo un boom e valeu a por en valor ao noso maltratado audiovisual.
Dende 2018 parece que tanto a actoraxe como a producción galegas colleron un maior pulo e proxección. Sen ir máis lonxe, nestes tres últimos anos neste país producíronse e rodáronse películas como a aclamadísima O que arde de Oliver Laxe (2019), Quien a hierro mata, de Paco Plaza ou A illa das mentiras, da directora Paula Cons (2020). Tamén series de moitísimo impacto comercial como O sabor das Margaridas dirixida por Miguel Conde e El desorden que dejas de Carlos Montero que foi todo un éxito de visualizacións.