Novas

Beatriz Dourado gaña o Premio Arume de Poesía para a Infancia 2024

No Auditorio Neira Vilas da Cidade da Cultura de Santiago de Compostela tivo lugar o pasado 13 de decembro o acto de entrega do Premio Arume de Poesía para a Infancia. E, desta volta, o galardón foi para a obra “Latexos” de Beatriz Dourado.

Latexos de Beatriz Dourado Premio Arume de Poesía para a Infancia 2024
O Premio Arume de Poesía para a Infancia foi creado por Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda coa finalidade de apoiar a poesía infantil e tivo a súa primeria edición hai xa vinte anos. É o único do seu tipo que existe no sistema literario galego. Un ano máis Deleite Galego, xunto con GÁLIX, coa Fundación Xosé Neira Vilas, co Concello de Vila de Cruces e coa editorial Embora non quixo perder a oportunidade de apoiar uns premios que fomentan dun xeito formidable a literatura dedicada aos máis cativos.

GÁLIX é a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil. Unha asociación sen ánimo de lucro que dende 1989 se move por visibilizar e promover a cultura e a lingua galega a través da literatura infantil e xuvenil. É a sección galega da OEPLI (Organización Española para el Libro Infantil y Juvenil) e a representante no ámbito lingüístico galego no IBBY (International Board on Books for Young People). En GÁLIX están implicados todos os actores do mundo do libro: mediadores/as, escritores/as, tradutores/as, deseñadores/as, investigadres/as, bibliotecarios/as, educadores, librarías...

Auditorio Neira Vilas da Cidade da Cultura de Santiago de Compostela tivo lugar o pasado 13 de decembro o acto de entrega do Premio Arume de Poesía para a Infancia.
Beatriz Dourado naceu no ano 1987 en Barcelona e actualmente reside en Lugo. Na súa traxectoria literaria destaca o Premio Florencio Delgado Gurriarán de 2023 polo poemario Ancorar toda esta auga e tamén outros certames de poesía, como o María Marió ou o Avelino Díaz. Ademais, é autora do libro de poesía IntraGUERRAS. Ten tamén publicados relatos curtos en obras colectivas tales como Viaductos (2017) ou Historias no camiño (2021).

En opinión do xurado, Latexos destaca polo intelixente e suxestivo uso de recursos diversos como as onomatopeias, anáforas ou metáforas que constrúen un universo poético engaiolante para o público novo. 

Versos Avariados Pablo Nogueira Campo Premio Arume Deleite
O nome de Beatriz Dourdo únese deste xeito aos galardoados nas tres edicións anteriores, que foron Violete Parapluie, de Ramón D. Veiga, A flor da letra de Manuel López, Os versos da mariola de Antón Cortizas e Versos (a)variados de Pablo Nogueira. Precisamente este último traballo foi presentado ao público aproveitando a xornada.

Dende Deleite non quixemos perder a oportunidade de estar presentes nunha iniciativa tan necesaria e útil para achegar a literatura aos máis cativos.

Fotos: Aigi Boga