Novas

'Arrolos de leite' polo Día da Nai

Written by Deleite Galego | May 5, 2024 10:00:00 AM

 
Celebramos o Día da Nai dun xeito moi especial. Sorteamos 100 exemplares de “Arrolos de leite”, un disco de Xabier Díaz que producimos dende Deleite Galego con todo o cariño do mundo.

Xabier Díaz é un dos nomes propios da música de raíz galega. Formou parte do mítico e xa extinto grupo Berrogüeto entre 2008 e 2014. Paralelamente, participou con Guadi Galego, Xosé Lois Romero e Guillerme Fernández no proxecto aCadaCanto, co que publicaron dous discos. Naceu daquela un compromiso esencial cos instrumentos de percusión de man, nos que se especializou e que son unha marca inconfundible da súa obra. En 2014 creou coas Adufeiras de Salitre unha nova formación deixando retrato do traballo realizado en catro discos: The Tambourine Man (2015), Noró (2018), As Catedrais Silenciadas (202) e Axúdame a sentir (2024). 

En 'Arrolos de leite', o músico contou coa produción de Deleite para crear un disco pensando para os máis pequenos. Cremos que os cantos de berce son o mellor xeito de achegar a música e a cultura galega dende o comezo. Cun gran valor pedagóxico dan á crianza acougo e serenidade nun medio aínda descoñecido.

O disco conta con cinco cancións: “María e a curuxa”, “O metro azul”, “Cançao de ninar”, “O meu neno”, e a “Nana do sol”. Nelas podemos atopar unha mestura das melodías clásicas dos arrolos cos elementos máis tradicionais da nosa música popular.

Non perdas a posibilidade de apoiar a nosa cultura e participar neste sorteo a través das nosas canles de Twitter, Facebook e Instagram. O vindeiro día 20 de maio anunciaremos o nome das persoas gañadoras na nosa web.