Novas

A obra teatral Fariña continúa coa súa xira

A obra teatral Fariña, baseada no famoso libro sobre o narcotráfico en Galicia do xornalista coruñés Nacho Carretero, continúa coa súa xira. As próximas datas do exitoso espectáculo, que conta co patrocinio de Deleite, terán lugar neste mes de maio os días 14 e 15 no Teatro Afundacion de Vigo, 21 e 22 no Auditorio Municipal de Ferrol e o 28 no Auditorio Municipal de Cangas.

FARIÑA DELEITE

Dirixida por Tito Asorey e adaptada a escena por José Luis Prieto, conta xa con máis de catro anos de xira e 200 funcións por toda a península. Cunha duración dunha hora e media, parece manter o espírito orixinal do libro e da posterior serie de gran éxito. Xosé A. Touriñán, Sergio Zearreta, César Goldi, Marta Lado e Graciela Carlos son os intérpretes dunha obra que mestura comedia e drama con gran mestría. Todo acompañado de abundantes números musicais á altura do resto do espectáculo.

En Fariña, o espectador non pode nin acomodarse na butaca. A unha impoñente descarga sucédenlle conversas entre rapaces e veciños das vilas falando, mercando, consumindo e manexando con soltura o famoso Winston de batea. Posteriormente, o salto ao narcotráfico ten lugar coa mesma naturalidade coa que ocorreu na realidade. Finalmente, como na vida mesma, chega a traxedia en forma de nais e rapaces afundidos.

Un percorrido fiel por este escuro capítulo da historia de Galicia que, dende o seu comezo no ano 2019, contou co apoio de Deleite.